Palabras de Amauta

Wednesday, October 29, 2008

HEM GUANYAT


Como gironí nada máis que aledarme e enviar os meus parabéns a todos os rapaces e rapazas que estiveron a sofrir durante case un ano as presións xudiciais. Parabéns aos que foran encausados (entre eles algún coñecido meu) e tamén a todos os que vivimos por estes lares tan castigados polo fanatismo do aparello xurídico.
A absolución colleunos por sorpresa. Felicito ao equipo de avogados que apoiou a causa, e a todos os que fomos mostrando a nosa solidariedade alí onde foi preciso e na medida das nosas posibilidades. Foi un pequeno grande trunfo.

Un bo agasallo por Sant Narcís...

Eu tamén son antimonárquico!

Amauta Castro
Na trunfal Cidade de Girona, 29/10/08


Monday, October 20, 2008

O PLANETA DOS SIMIOS

A foto fala por si propia. Non vos lembra a "O grande ditador" de Charles Chaplin?...Abofé!

Non é ningunha nova que o Premio Planeta careza de interese. O feito problemático aparez cando se está a osixenar un sector de intelectuais orgánicos alineados co "florido pensil" da democracia virtual do Estado español posterior á Segunda Restauración Borbónica. Este sector que habita lonxe da realidade cotiá dos pobos, que asina en nome das linguas (h)únicas, e que practica o esencialismo esquizoide do desnortados, acaba de ser premiado cos folgos económico-mediáticos do Premio Planeta.
Irrita xa só o feito de que llo entregaran en Barcelona, unha cidade que non merez o ridículo espantoso de vivir xenuflexa diante destes premios da barbarie. Cidade que foi e será punta de lanza dun pensamento catalán e libérrimo, que lonxe de partillar estes feitos abomina e repele calquera tipo de insinuación lilliputiense e homoxeneizante feita no nome da creación máis putrefacta.


Pero estes días non foron só os días da "cruzada" feita á escala máis inmensa. Non, foron tamén días de debate persoal contra os trasmisores despreocupados do ensino perpetuo dos "bos modais". Pois si, nestes últimos días fun partícipe de diferentes operacións de submetimento lingüístico. Iso si, con cadanseu final. Explico o conto.
Resulta que veño de recibir un desde cursos que promoven as empresas para optimizar certos usos laborais. Nun destes cursos, o español "de turno" fai a súa intervención desde o público sen case comezar a ponencia.


"Oiga, quien me proporcionó este curso ya sabía que yo no hablo catalán, así que a ver si puede dar la ponencia en castellano por que yo no entiendo catalán".


Como ben observades a fórmula "por favor" non existe en ningún dos vocablos pronunciados polo asistente. Debemos lembrar, oportunamente, que o español en cuestión leva xa case un ano residindo en Ciutat e que malia iso segue a dicir "no entiendo catalán" que é bastante máis grave ca "no hablo catalán" (eis o concepto).
O pior de todo é que cando solicitou o curso (porque o solicitou el soíño) o curso xa especificaba que era impartido pola Generalitat (que ten como lingua oficial o idioma catalán, tal e como reza a Lei de Normalización Lingüística). Pois ben o noso suxeito experimental, a quen chamaremos de agora en diante Español #1, malia ver que era impartido pola Generalitat e que o título e maila solicitude estaban en lingua catalá, optou por pedilo (supoñemos que por non ter gañas de ir ao traballo).
O problema residiu na resolución do conflito. O ponente comeza facendo gala do seu catalanismo galopante pero capitula e di,


"bueno intentaré explicar el curset en castellano, disculpa si en algún momento trobes que estoy traduciendo. Es que mi mentalitat es muy catalana"


Por outra banda, noutro punto do meu traballo un segundo curso se estaba a impartir. Resulta que neste segundo curso, un suxeito experimental a quen chamaremos Español #2 di:


"Podría ser en castellano, es que no entiendo catalán"


Semella a mesma frase, non si? Pois ben neste caso, o suxeito Español #2 leva en territorio catalán 3 anos. Cousa que non lle foi tida en conta polo resto da audiencia pero a resolución do conflito neste caso cae do doutro lado. Vexamos a resposta do ponente catalan-falante.


"Pues mira, hacemos una cosa. Yo doy la charla en catalán y si no entiendes algo, lo comentas y te lo explicamos entre todos".


Un comentario moi acaído por parte do ponente que, neste caso, resolveu o conflito sen problemas e mesmo deixando en evidencia ao suxeito Español #2.
Queda pois este comentario para os buscadores de frases acedas anti-fodechinchos.


Até aquí o meu comentario.Eis o planeta dos simios, o planeta dos intelectuais da vangarda española. Dicir quero que obxecto ao seu ruín concepto de liberdade de expresión, de contaxio democraticista burgués e glotofóbico.

Eu quedo na compaña de Celso Emilio, "Lingua proletaria do meu Pobo...". Permitídemo, é cousa de xustiza.

Amauta Castro
Girona, 20/10/08



Wednesday, October 15, 2008

WALL STRESS

Recomendo a páxina deste humorista gráfico. Para mostra, esta viñeta tan e tan actual.

Amauta Castro
Girona, 15/10/08

amautacastro@hotmail.com

Monday, October 06, 2008

CASA DE ASIA EN COMPOSTELA?... SI!



Días, xa catro son os que levo de vacacións no País. Xa desde a saída (avión Girona-Porto) sentín, coma sempre, a rexouba persoal do goce a través do idioma. Xa na cola de espera para o embarque comprendín o verbo irmán e asubiante dos portugueses, e a portentosa estrela que nos acompañou sobrevoando Porto, antes da entrada no modernísimo Aeroporto de Sá Carneiro en Matosinhos.
Poucos días despois, a boa nova. Touriño e Moratinos anuncian nunha xuntanza coa caste empresarial nippona en Compostela, a apertura dunha terceira sé da Casa de Asia en Compostela. Polo que respecta ao meu coñecemento sobre o tema, poño por adiantado que alén falarmos dun mercado certamente emerxente, o mundo asiático (que abrangue non poucos países) é unha das chaves para o agromar patrio. A sintonía cultural entre os pobos, a apertura industrial do mercado galego no Xapón e a máis ca convinte participación turística do mundo nippon en Galiza.
Pero é que nesta Galiza de hoxe, hai activos de peso para crermos que a apertura ao continente asiático é unha necesidade de todo urxente. Non fai falla dicir que China será a primeira potencia mundial nos vindeiros 15 anos, que Corea é o primeiro país en forza de traballo por habitante do mundo, que as clases medias da India se están a sumar a este mundo de privilexios que ocupamos en Europa e o Norte de América. Non fai falla dicir, que o principio universalista do nacionalismo galego deu en formar entre os seus a Xulio Ríos o grande analista do mundo oriental, forra de Oriente. Non fai falla dicir nada diso, nun argallar sobre a necesidade de proxectar a nosa lingua alí onde for preciso. Non fai falla nada diso, ara entendermos necesaria, espléndida e meritoria a máis que probable e futura creación da Casa de Asia en Compostela. Un dato para estarmos ben contentos.
Neste caso, eu digo Viet Nam e basta.

Saudos desde Vigo

Amauta Castro
Matamá-Parada 06/10/08

amautacastro@hotmail.com

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis