Palabras de Amauta

Sunday, January 27, 2008

ANTOLOXÍA POÉTICA DA DIÁSPORA GALEGA



"Esta escolma non é unha selección de poemas que traten sobre a emigración galega. A nosa intención non foi convertir unha determinada temática no eixo ou criterio selectivo da antoloxía, senón as persoas: os poetas de expresión galega que viven na diáspora, os poetas galegos do mundo. Moitos dos que recollemos neste libro son poetas descoñecidos, tanto dentro como fóra da Galiza territorial. Outros teñen máis ou menos sona no seu país, e os hai tamén que só son atopables na Rede. Disque somos un pobo que leva a lírica nos xenes, que Galiza é un país de poetas: nós queremos amosar que esa lírica non ficou atrás cando parte do país fixo as maletas. Levárona con eles, porque non se pode deixar atrás aquilo que nos fai ser o que somos. E iso hérdase, trasmítese coma a morriña, dun xeito inexplicable, a aqueles que nunca pisaron a Terra Nai."

Pois semella que me incluiron na citada escolma poética da diáspora. Agradecido á persoa que seleccionou os meus textos (á quen inda descoñezo) e agradecido a outros dous galegos que sobreviven coma min neste exilio benévolo que nos dan o Principat de Catalunya e Euskadi Sul. Son Xabier Paradelo (que me pasou o mail deste proxecto poético) e Manuel Casal Lodeiro, “Casdeiro”, que ten unha relación fonda coa marxe esquerda da ría de Bilbo (unidos eu e mais el por Barakaldo, claro está) e que mantén unha das xanelas permanentes da galeguidade do exterior, ou sexa http://www.fillos.org/.
Entre os poetas podemos atopar a Lito Caramés, voz dos camiños de ferro que percorren a península entre a fisterra atlántica e a estrema costeira da mediterrania catalá. Devezo por ver os trazos poéticos do seu ollo crítico, e percorrer neste caso pouco a pouco os seus versos contemporaneos e autentes.

Amauta Castro
amautacastro@hotmail.com

Girona, 28/01/08

Tuesday, January 22, 2008

NIEMEYER E MAIS EU



O arquitecto brasileiro, xa centenario foi sempre unha especie de recordo reccorrente na miña historia persoal máis próxima. Lembro como en tempos da mocidade máis temperá un bo amigo visitara a seu tío emigrado en terras brasileiras na cidade de Brasilia. Meu amigo dicía, “meu tío está en Brasilia.... sabes, é a capital do país”. Eu simplemente lembraba Niemeyer, mais el non sabia tal.
Niemeyer, amais de ser unha home da esquerda de sempre. Desa esquerda que se formou nos confíns libertarios da Patagonia rebelde e nos días inolvidábeis da comuna de París. Máis que un home de sincero humanismo foi un marxista convencido (e penso que ámbolos dous termos van unidos) e iso é o que o leva a ser un individuo único (ou non tanto) entre os defensores do pensamento racional neste inicio de século XXI.
Na miña primeira visita a París , no meu aloxamento na zona de Colonel Fabien (lugar de renome revolucionario e tamén resistente), na rue Vicq d’azir, comentei para Ada e mais para min que aquel edificio que mirabamos namais sairmos do metro debía ser obra de Niemeyer. Pois dito e feito, o caso é que o edificio en cuestión era a sede central do PCF (partido máis que cuestionábel para os que entendemos maio do 68 como unha posibilidade revolucionaria, e aceito críticas), cousa que puidemos saber na guía de peto que levebamos connosco. Quede claro, que se levaramos un baedecker de principios de século XX dos que fala e recomenda Wiesenthal afondando no seu decadentismo snob, non teriamos atopado resposta ao noso dilema. Pero tanto ten iso.
E si, quede claro que a obra é gloriosa e que para un aspirante a viaxeiro coma min foi a forma barata de atoparme cunha obra de Niemeyer sen ter que coller un voo a Brasilia. Pola miña banda, saudo con forza os 100 anos do patriota brasileiro e inadaptado comunista Oscar Niemeyer, e tamén o seu nomeamento para o premio das artes do ALBA (Alternativa Bolivariana para as Américas). Fito este último polo que quero facer referencia na miña humilde bitácora.
Queda dito, recordarei os días de Colonel Fabien, e da canle de St. Martin coas súas asulagantes exclusas, co selo impagábel da arquitectura gloriosa dun ídolo para os que amamos a xustiza social e a vida casesque inacabábel.
P.S: Móstrase por vez primeira o autor destes blogue. A posición hierática débese á emoción do momento. Para máis información, o lector debe saber que daquela estabamos en plena campaña contra a Constitución europea.

Amauta Castro
amautacastro@hotmail.com

Girona, 22/01/08

Saturday, January 19, 2008

EX LIBRIS (EGON SCHIELE II)




Onde comenzan os « ex libris », comeza a vida, -onde comezan os « alunos, os mortos vivintes.- Vivir?- Vivir quere dicir abrollar as sementes, vivir quere dicir tirar, desaproveitar as sementes para?- para outros pobres esmoleiros quizabes, para eternos alunos. Ouh, os eternos alunos! Ouh, os eternos Estados; grande se eleva o laio contra aqueles que son corpos vivos, o laio do público, do pobo, das masas, dos soldados, dos funcionarios, dos profesores, dos inúteis, dos artesáns, dos cregos, dos desexosos de igualdade, dos nacionais, dos patriotas, dos calculadores, dos homes con atributos, dos homes números.-
A variación?
Os activos e os inactivos. O Bluff é xa un feito en si na medida en que é inventado. Falar non é un feito en si, probabelmente, é un feito morto. – Cara onde voan as palabras?- O home da expresión e o artista. O vivo é único.-
Mercade!- Non cadros, non productos, non traballo, cadros? - Emanado de min - non simplemente meus. – Mercade....................Fragmentos.


Por vez segunda, fai aparición neste Palabras de Amauta, Egon Schiele. Rei da masturbación e do autorretrato, tamén poeta polo que teño noticia del (e non de todo malo).
Descubrino en verdade, no Leopold Museum de Viena (Museums Quartier) cando gocei deses xirasois mortuorios e desas tristes casas á beira do río que reducen a vals proletario o Danubio.
Hai pouco coñecín, por motivos laborais, a unha crítica de arte amiga de Peggy Guggenheim (coincidencias da vida) e biógrafa tamén dela. Comenteille o meu encontro con Schiele en Viena e os meus desexos de visitar San Lazzaro degli Armeni, visto que ela vivira non pouco tempo en Venecia canda Peggy Guggenheim. Ela, supoño que entendeu as miñas arelas de coñecemento e fixo recomendacións varias, contando entre elas a bilioteca deste mosteiro armenio
Queda feito público, consagrarei o que queda de ano ao aprendizaxe da lingua alemá (sempre e cando mo permitan os certificados oficiais de catalán) como tributo a Viena e á miña cuñada Frau Eva, bávara de nacemento e galega de vocación. E deixarei para o segundo semestre do ano unha (programada) visita á rexión do Véneto. Dela prometo traer os decadentes recendos da súa morte, e o consello libertario da Sereníssima.
Namentres, os tempos cadenciosos que marcan o proceso do mundo agardo guíen os meus días ao carón de Ada e dos que son nosos.


Amauta Castro
amautacastro@hotmail.com
Girona, 19/01/08

Thursday, January 10, 2008

NATUREZA MANIFESTA: SOIDADE E SEPARACIÓN





Cada ser é único
e busca a súa palabra épica
Abdourahman Waberi, poeta de Xibuti

É probábel que a poesía conteña a esencia propia da literatura en si mesma. Pobos e máis pobos deste mundo cativo, xentes de perto e lonxe, teiman coas súas diferentes palabras, cos seus diferentes alfabetos e singularidades, en descifrar a estrutura dos soños e das realidades de cadansúa cultura. E iso mesmo, esa paixón polo autocoñecemento é a que me leva a percurar entre os individuos da miña especie o porqué da xénese dunha embondeira ou dun tótem inuit, o sagrado da Qaaba e a pulcritude do laicismo afrancesado.
Supoño que amo o bater das ondas do mesmo modo que Odiseo a viaxe. Pero xusto foi en Tagen Ata cando no paradiso dos cantís e no poderoso arume da Grande Fraga comprobei o valor das illas que malia non ser montes aconteceron nun óleo de Caspar David Friedrich do mesmo modo que eu puiden fotografar Ada fronte aos elementos do mar e a tarde.
Desde o romantismo alegórico dun fotograma,

Amauta Castro
amautacastro@hotmail.com

Girona, 10/01/08

Sunday, January 06, 2008

POLO ETIQUETADO EN GALEGO




UNHA GALICIA MÁIS DE NOSO

Por unha economia galeguizada

Estimados amigos e amigas, o día 4 de nadal apareceu publicado en tódolos xornais de Galicia este anuncio. Forma parte dunha campaña de normalización promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Consellería de M.Rural e Política Lingüística. Quere fomentar o uso da lingua galega na etiquetaxe dos viños e animar aos consumidores a optaren polas marcas que utilizan a lingua galega nas etiquetas.A galeguización da economía depende de todos.Agradecémosvos que o reenviedes a amigos, parentes...para divulgar a mensaxe.



No ano 2003 eran 12 as adegas que etiquetaban en galego. No 2006, chegamos ás 59. En 2007, xa son 115 de 440, coa promesa de 14 adegas de etiquetaren a colleita do 2008 na nosa lingua.

´

É importante a colaboración dos consumidores, que son, ao cabo, os que marcan o rumbo do proceso



ENVIADO POR XOSE GONZALEZ, Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística
Pendurade nos vosos blogues esta importante achega polo ben do idioma. Grazas!
Amauta Castro
Girona, 06/01/08

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis