Palabras de Amauta

Thursday, October 25, 2007

XEOGRAFÍA #2: CIUTAT



Acontece a hora do crepúsculo e a saraiba precipita Ciutat nun anverso agre, tenue. Linguas envolveitas de aves que infestan o ceo coa multitude torrencial das azas usurpadoras de nubes. Moreas de cristais cerámicos sementan a praza cun silenzo de estoupidos que se reflicte nun chan de xeo. O río é un espello firme, inquebrantábel. Só as oucas ceden partidas polo peso dos flocos boreais que coroan Ciutat e o bairro antigo. As laxes resisten.


…………………………………….


É noite xa. Escoito as doce de pedra cando xa ergue a estrelecida. Uns berros no xardín que circundan as edras. A vista que non chega albiscar o quen dos berros e o espello que se gorece na noite coas pasaxes dun libro. Lamentos tan brancos como a crueldade, cóengos da noite que revoan cando se desexa o pranto.

amautacastro@hotmail.com
Girona, 25/10/07

Thursday, October 18, 2007

VIENNA SEZESSION




Sulcando polos camiños de ferro que percorren o meu particular mitteleuropa, marco eu un tremendo e prezado episodio na Viena que vermella e lenturenta comeza arestora a repensarse na modernidade e no tempo.
Cómaro de marfín e terra outoniza vou canda ela (Viena sempre perfecta) exhumando o paradiso de celuloide, dígase tamén O Terceiro Home (1949, Carol Reed), e o sabor dos cafés noitarengos-pétreos acompañados tamén polas sombras dos borsalinos tralos retrincos da cidade. E iso é precisamente o ballet dos días escolmados, recollidos entre as rúas sinfónicas acougadas entre o zunido convexo das cordas da viola da gamba e o ceo. O ballet das augas turbias dos estanques, o ballet do río extenso e sinuoso, o ballet das cancións humanas que transitan o suburbano tremendo que en expresión e feitura semellaba férreo cruceiro da profundidade.
Daquela, comecei a entender o discurso rompente da Cidade. Como crear a decadencia dela propia para afiar o seu lamento?
Recoller Viena nun intre de rutura, nunha paixón dourada e ardente como arriscando as sensacións doentes a semellar cautivas no silenzo. Recoller Viena nun ensaio de Otto Rank, nun edipo mal-nacido perto da rabia dispada do ouveo radiofónico de Ingeborg Bachmann.
Velaí as formas de permanecer neste tránsito continuo co que visito habitualmente a vida na compaña dos espazos cubertos pola Cidade.

amautacastro@hotmail.com
Girona, 18/10/07

Sunday, October 07, 2007

ESCURIDADE NO MEDIODÍA (ALEGATO POR XOSÉ HUMBERTO BAENA)




Moitos e grandes revolucionarios ten o meu país, mortos e vivos como a Quintana. Xusto nesta semana, pasado xa o 27 de setembro un grupo de persoas próximas aos 2 membros de ETA e 3 do FRAP que foran salvaxenmente asasinados na derradeira mostra de pulo do franquismo, fixeron acto de presencia nas proximidades do Collserola monte e cinturón verde que recurta a silueta de Barcelona, para rendiren homenaxe nun dos lugares dos feitos (os outros foran Burgos e Madrid), aos camaradas executados pola ditadura.
Pois ben, meus queridos cataláns, irmáns de loita dos bascos fixeron grande recordo o louvanza de Txiki e Otaegui (miltantes da organización basca). Malia que o comité organizador non quixo esquecer aos outros tres revolucionarios do FRAP, o feito foi que a homenaxe fora nomeadamente (en exlusiva) para os dous etarras.
Máis fonda é a dor, cando un dos que eu teño por petrucios do marxismo do meu país, Xesús Alonso Montero non recoñece en ningunha das pasaxes do seu último libro (Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia, 1926-2006) a tarefa clandestina e galega dun mártir do franquismo como Xosé Humberto Baena. Pois si, non todos os comunistas do país son da UPG, nin do PCE. Existen outras realides políticas, doentes ou dignificadoras, póñase o adxectivo que cadquén mire convinte. Pero realidades digo, que inda alonxadas da miña son parte dun pasado demoledor e necesario tamén esborrado da memoria dos anos.
Emporiso que no milladoiro dos labores colectivos, ese no que fomos depositando seixos cada un de nós, Xosé Humberto Baena puxo dun xeito especial descanso na súa andaina e cuberto polas rosas dos que incesantemente pervivimos subsiste quen de percutir coas ideas no futuro do pobo.
Xosé humberto Baena nacera en vigo en 1950. Estudou no Instituto Santa Irene de Vigo onde coincidiu con X.M. Álvarez Cáccamo e co profesor Xosé Luís Méndez Ferrín.. Foi estudante de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Alíñase nas filas do maoísta PCE (m-l). En 1970 foi xulgado polo TOP franquista pola súa participación nunha mobilización estudantil (algunhas fontes sosteñen que pasou por prisión por ese feito mentres que outras sosteñen que foi absolto). O propio Baena no transcurso da folga viguesa de 1972 foi retido pola policía da ditadura militar nun portal da Praza da Princesa de Vigo. Dise tamén que o policía que retén a Baena naquel episodio disparara varias veces sobre a multitude de manifestantes. Baena ofereceu todo tipo de resistencias malia ver cos seus ollos a actitude asasina daquel membro do aparello da ditadura. En 1974 organizou o lanzamento de cócteis moltov contra a sucursal do Banco de Bilbao de Vigo en protesta pola execución de Salvador Puig Antich. O 1º de maio de 1975 no transcurso da manifestación polo bairro de Teis, Xosé Humberto Baena veuse envolto nun feito certamente estraño. Un Garda Civil dispara ao ar matando ao vixiante da subestación eléctrica de FENOSA. Baena e trece persoas máis implícanse na publicación dunha esquela polo asasinato do vixiante e unha coroa de flores. Todos os asinantes son arrestados agás Baena que logra escapar de Portugal até Madrid no carro do cantautor Suso Vaamonde. Á súa chegada a Madrid, Baena, probabelmente seguido pola policía española, é detido e encausado polo asasinato dun policía por membros do FRAP (organización na que el propio militaba) que sucedera un día antes da súa chegada. Baena nin sequer estaba en Madrid cando se produz o asasinato, tal e como proba o seu pasaporte con selo de entrada en Portugal naquelas datas. Non se fixo tampouco proba algunha de balística.
Baena e o resto de procesados foron brutalmente torturados durante todo o seu proceso. Proceso que non cumpliu nin os “garantes” propios do rexime franquista e que rematou no xa coñecido Consello de Guerra a Juan Paredes Manot “Txiki”, Antonio Otaegui Etxevarría, Xosé Luís Sánchez-Bravo Solla (tamén de Vigo), Ramón García Sanz e Xosé Humberto Baena Alonso, executados no 27 de setembro de 1975.
Os responsábeis policiais da operación foron o comisario Roberto Conesa e o policía Antonio González Pacheco. Os seus verdugos foron gardas civís e policías voluntarios así como un amplo grupo de membros do aparello franquista que acudiron aos puntos de fusilamento para presenciar a execución.
O pai de Xosé Humberto Baena solicitou a Juan Carlos I de Borbón, que días antes da execución ocupou temporalemnte a Xefatura do Estado, por enfermidade do ditador; solicitou repito clemencia para seu fillo. A resposta de Casa Real foi que nada se podía facer. Trala execución un dos membros da policía aperta ao pai de Baena e dille textualmente ”...si hubiera sido mi hijo yo mismo pediría que lo fusilasen”, dato que aponta o grao de represión no que se vivía naquel intre histórico.
Para mostra e como remate quero deixar que falen as palabras do propio Xosé Humberto Baena escritas antes de pasar ao patíbulo:
“Pai, nai...Executaránme mañá, quero darvos ánimos.
Pensade que eu morro pero que a vida segue. Cando me fusilen mañá pedirei que non me tapen os ollos para ver a morte de fronte. Que a miña morte sexa a última que dicte un tribunal militar. Ese era o meu desexo. Pero teño a seguridade que haberá moitos máis. Mala sorte, unha semana máis e cumpliría 25 anos. Morro xoven pero estou contento e convencido.”

O lume metalúrxico e vigués incendiara a mirada daquel mozo que en 1975 viviu a rotunda contundecia o inimigo. Xosé Humberto Baena, unha desas lendas que che contan cando novo e inda non alcanzas a esquecer por orgullo e reivindicación. Cousas da vida, naquel episodio compróbase o peso do chumbo e da represión naquel corpiño enxoito dun Xosé Humberto Baena, último na quenda de executados do franquismo.
Queda pois a pedra de recordo posta polo irmán de armas e retén militar da hoste irmandiña que leva aos compañeiros que morren para o ceo dos mártires lonxe ou perto do Mar de Vigo.

Girona, Outubro Vermello de 2007
amautacastro@hotmail.com

Tuesday, October 02, 2007

EGOALDE 25/10/08




Analisando as declaracións públicas do Lehendakari Ibarretxe, valorando positivamente o feito que o señor Imaz xa non vai ser presidente do EBB, as perspectivas do futuro referendum son do máis estraño.
Eu amo o meu pobo enteiro, de Estaca á Baixa Limia e de Fisterra a Ponferrada (parafraseando á territorialidade catalá, de Salses a Guardamar i de Fraga a Maó). Creo nunha outra forma de territorialidade que xa teño manifestado noutras ocasións. Niso vainos a vida, e niso creo que os galegos temos moito terreo gañado malia termos espertado tarde neste tipo de reivindicacións. Que fariamos nós se tiveramos dividido o país nun feixe de estados diferentes (caso de kurdos, bascos, e cataláns), ou se tiveramos distintas idiosincrasias internas no seo da nosa propia nacionalidade ou unha grande fractura idiomática. Pois non, nós temos moito máis á nosa prol.
Eu amo o País dos Bascos enteiro. Certo é que o PNV opta por unha vía posibilista (de agradecer por outra parte tendo en conta que hai outros nacionalismos que nin se atreven a ser posibilistas por se acaso). Un referendum só para Euskadi-Sur, ou Egoalde, é unha opción que deixa de lado á incipiente Nafarroa Bai (segunda forza política do parlamento navarrés), que deixa de lado aos territorios de Iparralde (Eukadi-Norte, ou País Basco francés), e que deixa de lado potencialmente ao elitorado da esquerda abertzale.
Mais pensando egoistamente, eu cidadán galego, residente no Principado de Catalunya. Eu “fan político” tamén de Québec e de Flandres e das posibilidades das pequenas nacións como Sardeña, Córsega, Nunavut, Palestina, etc. Pensando egositamente digo, a min o que me interesa é que o Referendum sexa posíbel. Posíbel polo que propiamente significa esa palabra. Que sexa viábel poder decidir o noso futuro sen termos que contar co que digan as Cortes (porque iso xa pasou e non deu froitos), o Tribunal Constitucional (que xa sabemos todos ben o que pensa, e senón que llo digan a Ibarretxe), ou co que diga o Goberno Español. Que sexa viábel pode marcar un punto de inflexión nas vagas posibilidades das outras nacións sen estado existentes no seo do Reino de España, de poder decidir con votos iso que o exército español podería borrar do mapa constitucionalmente (arredemo!).
Porén, eu quero unha Euskal Herria enteira, pero creo e teño fe nas posibilidades de levar a cabo ese referendum e no que delas se deriva. Porque nós, cidadáns galegos, tendo un corpo nacional e social unificado como temos, poderiamos encetar un proceso deste tipo nun futuro. Quen sabe. Gañar ou perder pouco importa (non opino así no caso catalán, e penso que adicarei tamén algún post neste blogue para tratar a proposta de Carod-Rovira para o referendum de 2014 para o Principat de Catalunya) nesta ocasión importa dar un primeiro paso polas liberdades políticas no seo do Estado Español.
Recoñecermos un dereito aceite pola ONU desde 1960 é unha tarefa que o Estado Español non ten ben asimilada. Quizabes a digna e louvábel aposta de Ibarretxe sexa o primeiro chanzo para camiñarmos cara ao cumio das nosas diferentes realidades territoriais. Namentres, Ada e mais eu temos xa pensado visitar o territorio basco para esas datas, quen sabe se para celebrar unha vitoria. Alguén se anima? Deica o 25/10/08.
Girona, 02/10/07
amautacastro@hotmail.com

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis